Saturday, October 22, 2005

Canto tempo agardándote

Canto tempo agardándote, un mundo pasou dende que comecei a sentirte. Xa corrín por tras dos montes, xa volvín do revés o meu mundo, xa esquecín o nome que tiñamos antes. Non importa o que pasou, nin importa o que pasará. Só importa sentir que o sangue pare ata esquecer que a miña mirada non é a túa.

Sunday, October 16, 2005

A dor non só é un sentimento

Para cando rematar coa dor que non me deixa pensar noutra cousa. Afógame o lento sentimento de pertencer ao espazo, pero non ser capaz de sentilo. Ando, como, durmo pero non sinto máis que cando fuxo cabo da túa presenza. Quixera poder dicir que non é o meu destino o que sinto, que é a casualidade, a soedade, o desespero. Pero non, é a vida que me busca despois de tanto tempo perdido.

Thursday, October 13, 2005

Mentres peneiro o tempo

Mentres peneiro o tempo penso no que perdín cando busquei a certeza. Sei o que quixen procurar, pero non sei se pagou a pena, tanto tempo perdido na busca do que non existe máis que nos nosos subconscientes, que a ninguén máis lle importa, e mesmo nós levamos xa tanto tempo dándolle voltas que tanto nos ten xa. Intenteino, unha e outra vez, pero as forzas barréronseme cando xa vía a saída. Por hoxe non hai solución, quizais mañá volva atopar o camiño cara a saída e sexa capaz de dar o paso que me conduza fóra.

Wednesday, October 12, 2005

Cando dende o alto vexo

Cando dende o alto vexo como chegas, non teño dúbidas. Todo esvaece entre o tempo para te ver, non quero que avances, pero sei que o farás. Tanto ten o que pense, chegarás e logo bicarasme; pero eu sei que é tan só rutina, non pensas en min. Poida que un día xa non ature máis e rompa o xogo. Mentres tanto seguirei mirándote dende o alto.